A protección da infancia en risco ou desamparo motiva, en moitos casos, a asunción da tutela ou da garda por parte da Administración. As leis establecen, en xeral, a prioridade do acollemento familiar sobre o residencial en base ao interese superior deses nenos e nenas que inclúe o seu dereito a vivir e crecer nunha contorna familiar adecuada e libre de violencia.
Con todo, a realidade amósanos que na actualidade non existen alternativas familiares para todos os nenos e nenas e un alto número deles permanecen en centros residenciais (aproximadamente o 50% das situacións de tutela e garda).
Entre eles, as casas de familia ofrecen, ademais, un marco educativo normalizador e integrador adaptado á realidade dos nenos e nenas: núcleos de convivencia máis pequenos, plenamente integrados na comunidade e atención máis personalizada.
Faiben dispón de tres casas de familia (dúas en Vigo e unha en Ribeira), que contan con oito prazas residenciais cada unha. Dúas das casas contan, ademais, con dúas prazas de atención de día para aqueles nenos e nenas con medidas de apoio familiar.
O obxectivo das Casas de Familia de Faiben é contribuír a acadar solucións estables e protectoras para as nenas e nenos no menor tempo posible, polo que se traballa tamén directamente coas familias e en rede con outros axentes sociais.