defendemos o dereito a vivir en familia

Os nenos e as nenas teñen dereito a crecer e desenvolverse no seo dunha familia, preferentemente cos seus pais, na súa falta coa súa familia extensa e, se non é posible, cunha familia allea.

Por iso, na protección da infancia e da adolescencia, as actuacións dirixidas ás familias deben ter carácter prioritario.

Cando se produce unha situación de risco, as actuacións oriéntanse fundamentalmente a evitar a separación ofrecendo apoio á familia de orixe. Constatado o desamparo, a Administración asume a tutela e as actuacións diríxense inicialmente á mellora dos recursos e as relacións na familia de orixe para finalmente, de forma subsidiaria, considerar outras medidas como o acollemento ou a adopción.

Desde Faiben abordamos o reto de traballar coas familias, tanto coas de orixe como coas familias acolledoras.

acompañando ás familias de orixe

O Programa de Acompañamento a Familias (PAF) nace en 2019 grazas á suma de esforzos de tres entidades, Laura Vicuña (en Caldas de Reis), Sta. Joaquina de Vedruna (en Vigo) e Faiben, como un recurso complementario destinado a mellorar a intervención realizada desde as súas Casas de Familia.
As Casas preséntanse como un recurso protector para os nenos, nenas e adolescentes nas que se lles presta unha atención directa pero, se os condicionantes familiares que provocan a desprotección non cambian dun xeito substancial, a reintegración familiar non se pode producir.

O programa pretende, polo tanto, crear unha relación próxima e de acompañamento aos proxenitores para acadar cambios na dinámica familiar, propiciando habilidades parentais que contribúan a lograr situacións familiares estables e protectoras.

O traballo coas familias inclúe tanto o acompañamento en procesos inclusivos (por exemplo na mellora da situación laboral, de vivenda, da implicación nos procesos académicos e sanitarios ou na participación social dos seus fillos/as, etc.) así como no apoio individualizado no desenvolvemento de habilidades (de relación coa contorna, para a xestión económica e doméstica, habilidades parentais, etc.).

facilitando experiencias familiares

O Programa En Familia nace en 2020 impulsado pola Fundación Faiben, a Casa de Familia Santa Joaquina de Vedruna, a Casa de Familia Laura Vicuña e a Asociación Galega de Adopción e Acollemento Manaia.

Configúrase como unha rede de fogares comprometidos a ser referentes familiares sólidos e estables para os nenos, nenas e adolescentes acollidos que, pola súa situación particular, non dispoñen doutras alternativas.
Algúns nenos e nenas, polas súas circunstancias, teñen dificultades para vivir experiencias de relación familiar, ben porque carecen de referencias familiares protectoras, ben porque non teñen acceso ao acollemento nin á adopción.
Estas situacións redundan na fraxilidade dos nenos e nenas, cronificando as súas situacións con longas tempadas nos centros ata que, chegada a maioría de idade, vense obrigados a optar entre a autonomía persoal ou a reintegración familiar en condicións similares ás que motivaron a tutela.
O programa pretende, precisamente, ofrecer a eses nenos, nenas e adolescentes un marco referencial de vida nun núcleo pequeno como é a familia, onde a colaboración, a axuda e o respecto posibiliten experiencias que permitan coñecer o que supón unha relación familiar e axuden a incrementar a súa autoestima e seguridade persoal á vez que amplíen a súa rede relacional.

formando familias para a adopción

Desde o ano 2014 Faiben, en colaboración coa Xunta de Galicia, impulsa un programa de formación para familias que dispoñen do certificado de idoneidade para a adopción, tanto nacional como internacional.
A parentalidade adoptiva ten unha serie de esixencias e retos que precisan dunha formación e motivación claras que permitan coñecer mellor as necesidades reais dos nenos e nenas que están á espera dunha familia, así como recoñecer as habilidades necesarias para os pais e nais.

O programa completo consta de oito sesións repartidas nun período de dous anos. A formación é gratuíta e as familias poden iniciar a formación en calquera momento do ano natural.

Aínda que a formación non é obrigatoria, a experiencia e as opinións das familias participantes defínena como altamente recomendable para axustar expectativas, o que lles permite facer un ofrecemento máis consciente e realista que favoreza procesos máis eficaces e seguros, minimizando os riscos de abandono posterior.