protexemos a nenas, nenos e adolescentes en risco

A protección da infancia en risco ou desamparo motiva, en moitos casos, a asunción da tutela ou da garda por parte da Administración. As leis establecen, en xeral, a prioridade do acollemento familiar sobre o residencial en base ao interese superior deses nenos e nenas que inclúe o seu dereito a vivir e crecer nunha contorna familiar adecuada e libre de violencia.

Con todo, a realidade amósanos que na actualidade non existen alternativas familiares para todos os nenos e nenas e un alto número deles permanecen en centros residenciais (aproximadamente o 50% das situacións de tutela e garda).

Entre eles, as casas de familia ofrecen, ademais, un marco educativo normalizador e integrador adaptado á realidade dos nenos e nenas: núcleos de convivencia máis pequenos, plenamente integrados na comunidade e atención máis personalizada.

casas de familia

As Casas de Familia Faiben son vivendas normalizadas, plenamente integradas na comunidade, nas que os nenos e nenas conviven coas persoas educadoras intentando reproducir un modelo familiar con referente adulto estable e experiencias positivas.

Nas nosas Casas os nenos e nenas atopan un entorno seguro, un clima de protección afectiva e un espazo acolledor no que vivir temporalmente, onde se pon en valor a relación persoal con cada nena, neno e adolescente como única, valiosa e duradeira.

Faiben dispón de tres casas de familia (dúas en Vigo e unha en Ribeira), que contan con oito prazas residenciais cada unha. Dúas das casas contan, ademais, con dúas prazas de atención de día para aqueles nenos e nenas con medidas de apoio familiar.

O obxectivo das Casas de Familia de Faiben é contribuír a acadar solucións estables e protectoras para as nenas e nenos no menor tempo posible, polo que se traballa tamén directamente coas familias e en rede con outros axentes sociais.

Nas casas de familia desenvólvense plans de traballo individualizados que cubren as necesidades básicas dos nenos e nenas: tanto as residenciais, como as de alimentación, saúde, escolares e, sobre todo, emocionais.

Na intervención teñen especial relevancia o apoio psicosocial ás nenas e nenos, a promoción da súa autonomía persoal progresiva e a súa participación así como o traballo coas familias, co fin de proporcionarlles pautas de crianza e de atención adecuada adaptadas a cada situación concreta.